Bases para a selección de persoal para substitucións de auxiliar administrativo (SLT 43/2008)
Por Resolución da Alcaldía núm. 1849 de data 7 de agosto de 2008 aprobaronse as bases para a selección de persoal para substitucións de auxiliar administrativo.
Tal e como se indica na Base Cuarta, o prazo de presentación de instancias é de vinte días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
BASES PARA A SELECCIÓN DE PERSOAL PARA SUBSTITUCIÓNS DE AUXILIAR ADMINISTRATIVO (SLT 43/2008).
1ª.-OBXECTO DA CONVOCATORIA.
O obxecto desta convocatoria é a regulación do procedemento para a confección dunha lista de persoal para substitucións de Auxiliar Administrativo.
2ª.-MODALIDADE DE CONTRATACIÓN.
Chegado o caso de necesidade de substitucións, formalizaráselle o nomeamento ou, no seu caso, contrato baixo algunha das modalidades contractuais previstas no Real Decreto 2720/1998, de 18 de decembro.
3ª.- REQUISITOS DOS/AS ASPIRANTES.
Para tomar parte os/as aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos, referidos todos e cada un á data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
a) Ser español, ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, estes últimos acorde co disposto na Lei 17/1993, do 23 de decembro.
b) Ter cumpridos dezaseis de idade e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.
c)Estar en posesión do título de educación secundaria obrigatoria, título de graduado escolar ou equivalente, ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de instancias, ou outros superiores.
No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá estarse en posesión da credencial que acredite a súa homologación.
d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que inhabiliten para o desempeño normal das funcións que son obxecto do presente contrato.
e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo ao Estado, ás comunidades autónomas ou ás entidades locais, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas. Idéntico requisito seralles esixido aos/ás nacionais dos demais estados membros da Unión Europea no seu caso.
f) Non estar incurso en causas de incompatibilidade de conformidade co establecido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao Servizo das Administracións Públicas.
4ª.-PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.
1.- As solicitudes para tomar parte neste proceso selectivo faranse mediante instancia dirixida ao señor Alcalde, en modelo que se facilitará no Rexistro Xeral do Concello, na que se fará constar que se reúnen todos e cada un dos requisitos establecidos na Base Terceira desta convocatoria.
As citadas solicitudes presentaránse no citado Rexistro (os días laborais de 9 a 13:30 horas) durante o prazo de vinte días naturais, que se iniciará o día seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Tamén se publicará no Taboleiro de Anuncios da Casa do Concello e na prensa.
Asemesmo poderanse presentar na forma que determina o artigo 38.4 da lei 30/1992, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común; neste caso, os concursantes deberán comunícalo mediante telegrama ou telefax durante o mesmo prazo que o de presentación de instancias.
Se, conforme a este precepto se presentan a través das oficinas de correos, deberá aparecer o selo na propia solicitude. Doutro modo, a data de anotación no Rexistro xeral será a que se teña en conta a tódolos efectos.
2.- Necesariamente xunto coa solicitude para tomar parte neste proceso selectivo os aspirantes deberán achegar:
• Fotocopia do DNI ou documento identificativo.
• Fotocopia da titulación esixida na base segunda, punto c desta convocatoria.
• Unha relación dos méritos que aleguen para a valoración do concurso, que se acompañará da documentación orixinal (ou fotocopias autentificadas) acreditativa dos mesmos, pois non se terán en conta nin serán valorados aqueles méritos que non estean acreditados na forma indicada.
Non se terán en conta aqueles méritos que non se acrediten suficientemente no momento de remata-lo prazo de presentación de instancias.
A xustificación da experiencia profesional realizarase mediante Informe de Vida Laboral, que se acompañará cunha certificación da empresa na que conste o posto de traballo desempeñado, ou Certificado de Empresa en modelo oficial do Instituto Nacional de Emprego, ou calquera outro certificado ou documento oficial que acredite de forma fidedigna o tempo traballado e a categoría profesional desempeñada.
• Xustificante acreditativo de que se ingresou na Tesoureiría municipal a cantidade de dezoito euros (18,00 €). Este importe poderá facerse efectivo directamente nas arcas municipais ou mediante xiro postal ou telegráfico, así como mediante ingreso nalgunha das seguintes contas municipais (cos datos persoais do/a aspirante e praza á que opta), número de conta de Caixa Galicia: 2091-0019-10-3110000019, e número de conta de Caixanova: 2080-0171-67-0040000013.
Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais na Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán). No caso de se tratar de documentos expedidos noutras Comunidades Autónomas do Estado Español, para que teñan validez deberán estar redactados na lingua castelá ou traducidos polo organismo competente da respectiva comunidade, debidamente validados e apostilados pola correspondente oficina diplomática española ou organismo competente.
Coa presentación da instancia para tomar parte no proceso selectivo entenderase que os interesados aceptan e acatan todas e cada unha das Bases desta convocatoria.
5ª.-ADMISIÓN DE ASPIRANTES.
1.- Rematado o prazo de presentación de instancias, o Alcalde dictará resolución no prazo máximo de dez días declarando aprobada a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación, se é o caso, das causas de exclusión. Esta resolución publicarase no taboleiro de edictos do Concello e será determinante para os efectos de posibles impugnacións e recursos, de conformidade co previsto na lei.
Os/as aspirantes excluídos/as, dispoñen dun prazo de dez días, contado desde o seguinte ao da publicación da antedita resolución, para presentar as reclamacións oportunas ou emendas de defectos, nos termos do art. 71 da Lei 30/92.
2.- Posteriormente, o Alcalde declarará aprobada a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as, que se publicará no taboleiro de edictos do Concello. Na mesma resolución o Alcalde determinará o lugar, data e hora de valoración da fase de concurso, así como a composición do tribunal cualificador.
3.- De non existir aspirantes excluídos/as, o Alcalde elevará a definitiva a lista provisional na mesma resolución de aprobación.
6ª.- TRIBUNAL DE VALORACIÓN.
O tribunal cualificador será designado por Decreto da Alcaldía no momento de aprobación das listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as.
Tódolos vocais deberán contar con titulación igual ou superior á esixida para o acceso a praza.
O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos membros (titulares ou suplentes, indistintamente). En todo caso, será precisa a asistencia do presidente e do secretario.
O tribunal queda facultado para resolver as dúbidas que se presenten e tomar os acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo en todo o non previsto nas bases.
Os membros dos tribunais deberán absterse de formar parte destes cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28 de a Lei 30/1992, notificándollo á autoridade convocante, ou cando realizaran tarefas de preparación a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.
Os/as aspirantes poderán recusalos de acordo co artigo 29 da mencionada lei.
Para os efectos de percepción de asistencias polos membros concorrentes ás sesións dos tribunais, estes estarán clasificados nas categorías que establece o número 1 do artigo 30 do Decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servicio.
7ª.- CONTIDO DO PROCESO DE CUALIFICACIÓN: CONCURSO.
Se durante o desenvolvemento do proceso selectivo chegase a coñecemento do tribunal que algún dos/as aspirantes carece de calquera dos requisitos esixidos na convocatoria, será excluído, previa audiencia do interesado, comunicándoo no mesmo día á autoridade que convocara o proceso selectivo.
O tribunal seleccionará aos aspirantes mediante o sistema de concurso de méritos, tendo en conta o seguinte baremo.
Baremo de Méritos:
A) Experiencia Profesional:
Por servicios prestados e ata un máximo de 5,00 (cinco) puntos:
1. Experiencia laboral como Auxiliar Administrativo nas Entidades Locais. Puntuarase con 0,30 puntos por mes traballado ou fracción superior a quince días.
2. Experiencia laboral como Auxiliar Administrativo noutras administracións públicas. Puntuarase con 0,20 puntos por mes traballado ou fracción superior a quince días.
3. Experiencia laboral como Auxiliar Administrativo no ámbito privado. Puntuarase con 0,10 punto por cada mes traballado ou fracción superior a quince días.
Será necesario presentar informe de vida laboral expedido pola Administración da Seguridade Social acompañado de certificado emitido polo responsable da empresa ou fotocopia dos contratos, especificando a categoría profesional e o tempo traballado.
B) Estar en situación de desemprego
Pola inscrición acreditada como demandante de emprego: 0’1 puntos/mes, cun máximo de 1,00 (un) punto.
Será necesario presentar informe do servicio público de emprego acreditativo da situación de desemprego e a duración da mesma.
C) Cursos de formación e perfeccionamento:
Pola participación, como asistente ou relator/a, en cursos de formación e perfeccionamento organizados ou homologados polas administracións públicas, escolas oficiais de funcionarios/as e/ou universidades, colexios oficiais ou incluídos nos plans de formación continua, relacionados coas funcións a desenvolver por un auxiliar administrativo, computándose:
1) De 100 ou máis horas de duración 0,25 puntos/curso.
2) De entre 60 e 99 horas de duración 0,20 puntos/curso.
3) De entre 30 e 59 horas de duración 0,15 puntos/curso.
4) De entre 10 e 29 horas de duración 0,10 puntos/curso.
1) De 10 ou máis créditos 0,25 puntos/curso.
2) De entre 6 e 9 créditos 0,20 puntos/curso.
3) De entre 3 e 5 créditos 0,15 puntos/curso.
4) De 1 ou 2 créditos 0,10 puntos/curso.
A puntuación máxima acumulada neste apartado non poderá superar os 3 (tres) puntos.
O mesmo curso recibido en máis dunha ocasión só computará unha vez.
En caso de ter recibido varios cursos sobre a mesma materia serán excluídos os da duración inferior.
Os méritos alegados polos/as aspirantes deberán acreditarse, dentro do prazo de presentación de instancias, mediante a presentación de diplomas ou documentos que acrediten a realización dos cursos deberán expresar a duración en horas ou xornadas completas e, expresar con suficiente claridade o seu contido básico.
No suposto de non acreditarse a duración dos cursos, éstes non se valorarán.
D) Coñecemento da lingua galega:
Polo coñecemento acreditado do idioma galego, computándose unicamente o grao superior alegado, e concedéndose validez soamente ós cursos ou titulacións homologados pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
• Celga 1: 0,25 puntos
• Celga 2: 0,50 puntos
• Celga 3 ou Grao de iniciación 0,75 puntos
• Celga 4 ou Grao de perfeccionamento 1,00 puntos
• Celga 5: 1,25 puntos
E) Titulacións:
Por estar en posesión de titulacións académicas distintas e independentes da requirida na convocatoria como requisito imprescindible para o acceso e que teñan relación directa coas funcións da praza á que se opta, computándose unicamente o título de maior nivel dos alegados:
• Título de Bacharel superior, Título de ciclo medio de Formación Profesional, ou equivalente: 0,50 puntos
• Título de ciclo formativo de grado superior de Formación Profesional ou equivalente: 1,00 punto.
• Título de enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico ou equivalente: 1,50 puntos.
• Título de Licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente equivalentes: 2,00 puntos.
Os méritos alegados neste apartado xustificaranse con copia compulsada do título que se presente para a súa valoración nesta fase.
F) Superación de exámenes
Por ter superado exercicios en probas selectivas de acceso á condición de funcionario de carreira e/ ou persoal laboral fixo a subescala Auxiliar e/ou prazas correspondentes de auxiliar administrativo, convocadas polas administracións públicas, sempre e cando éstas probas se teñan celebrado nos últimos catro anos:
- 0’20 puntos por exercicio superado no ámbito dunha Entidade Local.
- 0’10 puntos por exercicio superado no ámbito doutras administracións públicas.
A puntuación máxima neste apartado non poderá superar os 2 (dous) puntos.
Os méritos alegados neste apartado xustificaranse mediante certificado expedido polo Tribunal ou Órgano de Selección que acredite a superación das probas selectivas correspondentes.
8ª.- CUALIFICACIÓN FINAL E APROBACIÓN DA LISTA DE SUBSTITUCIONS.
A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada un dos distintos apartados de méritos valorables.
Concluída a cualificación do proceso de cualificación, o Tribunal publicará no taboleiro de anuncios do Concello o nome dos/as aspirantes por orde da puntuación total final, que serán os integrantes da lista de chamamentos para futuras contratacións/ nomeamentos.
En caso de empate na puntuación final, e para determinar a orde de prelación na lista, dirimirase a favor daquel/a aspirante que obteña maior puntuación no apartado A) relativo a experiencia profesional, no seu defecto, e en caso de persistir o empate, pola apartado F) relativo á superación de exámenes, e en último caso, de persistir o empate, polo apartado E) relativo ás titulacións.
De conformidade coa a proposta feita polo Órgano de Selección aprobarase, mediante Decreto da Alcaldía, a Lista de substitucións para interinidades ou contratacións laborais de Auxiliar Administrativo, que se publicará no Taboleiro de Anuncios do Concello.
9ª.- CONTRATACIÓN
O sistema de chamamento de compoñentes da lista para a súa contratación/nomeamento terá carácter rotatorio.
Chamaranse por orde de puntuación aos aspirantes incluidos na lista.
Cando un compoñente da lista acade doce meses de vida laboral con arreglo ás substitucións previstas nestas bases pasará a ocupar o último lugar na lista e continuarase o chamamento pola orde de aspirantes da lista.
Se un compoñente da lista cunha substitución ou substitucións sucesivas non acada os doce meses de traballo volverá a ocupar o lugar que lle correspondía na referida lista ata que acade ese prazo.
Se un compoñente da lista renuncia á contratación tra-lo chamamento efectuado pola Administración suporá a súa exclusión da lista, salvo causa debidamente xustificada e apreciada polo órgano de contratación.
A vixencia desta lista será ata que a Corporación a derogue expresamente ou confeccione outra distinta e indique a derogación da que se deriva destas bases.
10ª FORMALIZACIÓN DO CONTRATO.
O Concello de Carballo procederá ao chamamento dos/as aspirantes propostos polo Tribunal Cualificador segundo o sistema de chamamento descrito na base novena.
O órgano competente da Corporación procederá á contratación/ nomeamento a favor dos/as aspirantes propostos/as polo Tribunal Cualificador, e será nula a contratación/ nomeamento de quen estea incurso en causas de incapacidade específica conforme á normativa vixente.
A formalización do contrato/ nomeamento terá lugar dentro do prazo de cinco días naturais, a contar dende a data de notificación do acordo de contratación.
Previamente á sinatura dos contratos ou formalización dos nomeamentos, os/as aspirantes contratados/as ou nomeados/as deberán subscribir a declaración á que se refire o artigo 13.1 do Real Decreto 598/1985, de 30 de abril, sobre incompatibilidades.
Mentres non se formalicen os respectivos contratos/ nomeamentos e non se incorporen ao posto de traballo, os/as aspirantes non terán dereito a percepción económica de ningunha clase.
As persoas contratadas estarán obrigadas a prestar a súa xornada de traballo na medida e forma requiridas polo interese do servizo, de acordo coa lexislación aplicable, quedando sometida a un período de proba, co alcance previsto no artigo 14 do Estatuto dos Traballadores, e estará suxeita á lexislación laboral pertinente.
11ª.- NORMAS FINAIS.
Primeira.- Para todo o non previsto nestas bases, ou naquilo que as contradigan, será de aplicación supletorio o establecido na Lei reguladora das bases de réxime local, na Lei de administración local de Galicia, Real Decreto 896/1991, Real Decreto 364/1995, e demais lexislación vixente que sexa de aplicación.
Segunda.- Os actos e comunicacións que se deriven da celebración deste proceso selectivo faranse públicos, exclusivamente, a través do Taboleiro de Anuncios da Casa do Concello.
Terceira.- Todos os actos administrativos derivados desta convocatoria, así como da actuación do Tribunal, poderán ser impugnados polas/os interesadas/os nos casos e na forma establecidos pola Lei de procedemento administrativo e normas vixentes concordantes.
A presentación de reclamacións non suspenderá a continuación do proceso selectivo, salvo que así o decida o órgano convocante deste.
Cuarta.- Contra as presentes bases e a resolución que as aproba, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer RECURSO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO ante o Xulgado Contencioso Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses (contados dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria).
Con carácter potestativo e previo, poderá interpoñer RECURSO DE REPOSICIÓN ante o mesmo órgano que adoptou o acordo de aprobación, no prazo dun mes (contado dende ao día seguinte ao da publicación da convocatoria). Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recursos de reposición interposto. Neste último suposto, o prazo para a interposición do recurso contencioso-administrativo será de seis meses contados dende o día seguinte a aquel no que se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.
Todo iso sen prexuízo de que poida exercitar calquera outro que considere procedente.
Carballo, 8 de agosto de 2008
O Alcalde
D. Evencio Ferrero Rodríguez