Bases da convocatoria para a provisión en propiedade dunha praza de policía local, incluída na oferta de emprego público do Concello de Oroso para o exercicio 2006
En uso das facultades que me confire o artigo 21.1.g) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local; artigo e o artigo 41.14.c) do Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades Locais, por Resolución da Alcaldía do 16 de maio de 2008, aprobáronse as seguintes Bases específicas e convocatoria para a provisión en propiedade dunha praza de funcionario de carreira vacante no Cadro de persoal do Concello de Oroso e incluída na Oferta de emprego público do ano 2006.
BASES DA CONVOCATORIA PARA A PROVISIÓN EN PROPIEDADE DUNHA PRAZA DE POLICÍA LOCAL, INCLUÍDA NA OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DO CONCELLO DE OROSO PARA O EXERCICIO 2006
1.-Sistema de provisión.
Oposición libre. Os/as seleccionados/as deberán ademais superar un curso de formación teórico práctico na Academia Galega de Seguridade Pública para a adquisición da condición de funcionarios/as de carreira.
2.-Obxecto da convocatoria.
O obxecto da convocatoria é a provisión en propiedade dunha praza de policía local, encadrada na Escala Básica de Policía local, categoría de Policía, pertencente ao grupo C1. A dita praza está incluída na oferta de emprego público do Concello de Oroso, para o exercicio 2006.
A presente convocatoria regularase polas presentes bases e as bases xerais publicadas no BOP de data 1 de febreiro de 2007.
3.- Dotación económica:
A correspondente o grupo C1 nivel de complemento de destino 16 e demais fixadas pola propia corporación a través dos orzamentos municipais e relación de postos de traballo.
4.-Requisitos dos aspirantes.
Para ser admitido/a á realización das probas, os aspirantes deberán reunir, os seguintes requisitos:
a) Os sinalados na base quinta das bases xerais.
b) Ser español/a.
c) Estar en posesión do título de bacharelato, ESO ou técnico superior de formación profesional ou equivalentes, ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de instancias.
d) Ter cumpridos 18 anos e non pasar dos 36 anos (este requisito cúmprese sempre que na data do remate do prazo de presentación de instancias non se teñan cumpridos 36 anos de idade).
e) Ser titular dos permisos de conducir das clases A e B con BTP na data en que remate o prazo de presentación de instancias, comprometéndose mediante declaración a mantelos vixentes namentres permaneza en servizo activo.
f) A altura mínima esixida será de 1,70m para os aspirantes masculinos e de 1,65m para as aspirantes femininas.
g) Achegar un certificado médico no que se faga constar expresamente que o/a aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias e suficientes para a realización dos exercicios físicos que forman a segunda proba selectiva, que se presentará coa instancia o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no certificado médico.
h) Presentar unha declaración xurada coa instancia e por escrito, do compromiso de portar armas e, de ser o caso, de chegar a utilizalas.
5.- Dereitos de exame:
De acordo coa ordenanza reguladora dos dereitos de exame os aspirantes satisfarán a cantidade de 25,00 euros (vinte e cinco euros).
6.-Presentación de instancias e documentación.
Deberá presentarse segundo o disposto na base cuarta das bases xerais coa documentación sinalada nesta.
Do mesmo xeito deberá achegarse a documentación sinalada no apartado g) e h) da base cuarta.
7.- Admisión de aspirantes.
Véxase a base sétima das bases xerais.
8.- Tribunal cualificador.
Estará constituído por:
Presidente: Funcionario de carreira.
Secretario: Funcionario de carreira do Concello con habilitación de carácter nacional.
Vogais: Vogal nomeado a proposta da Academia Galega de Seguridade Pública.
Vogal nomeado a proposta dos sindicatos máis representativos no Concello.
Tres funcionarios de carreira de administración local.
9.- Probas selectivas.
Primeira: De carácter obrigatorio e eliminatorio.
Estará constituído por dúas partes:
Primeira. Consistirá na realización dun test de habilidades cognitivas e dous cuestionarios de personalidade no tempo máximo que determine o tribunal, dirixido a valorar a capacidade de razoamento, así como dos aspectos da personalidade máis adecuadas ás funcións que vai desenvolver, contidas no artigo 53 da Lei de forzas e corpos de seguridade do estado. Levarase a cabo esta proba mediante un test e cuestionarios normalizados e a valoración dos aspirantes realizarase por comparación cos baremos e perfís do devandito test e cuestionarios. O contido concreto dos baremos e perfís será o que figuran no anexo IV destas bases.
A valoración será de apto/non apto.
Segunda. Consistirá en contestar, no prazo máximo dunha hora, un cuestionario tipo test de 60 preguntas, con cinco de reserva adicionais, con catro respostas alternativas e unha soa correcta, sobre o contido do programa especificado no anexo II da convocatoria. Cada tres respostas incorrectas anularán unha resposta correcta. O exercicio será cualificado de apto ou non apto. Serán eliminados/as aqueles/as aspirantes que non sexan cualificados de aptos.
Corresponde ao tribunal determinar o nivel de coñecementos mínimos para acadar a puntuación mínima.
Segunda: De carácter obrigatorio e eliminatorio.
Consistirá na realización das probas físicas que a seguir se relacionan:
1ª proba: Facer 20 flexións dos brazos en posición de decúbito prono nun tempo máximo de 50 segundos para os aspirantes masculinos e 15 flexións no mesmo tempo máximo para as aspirantes femininas. O exercicio será cualificado de apto ou non apto.
2ª proba: Salto de altura con listón a 1,25m os aspirantes masculinos e a 1,10m as femininas. O exercicio será cualificado de apto ou non apto.
3ª proba: Salto de lonxitude con carreira cun mínimo de 4m para os aspirantes masculinos e de 3,50 para as femininas. O exercicio será cualificado de apto ou non apto.
4ª proba: Carreira de 200m nun tempo máximo de 30 segundos para os aspirantes masculinos e de 34 segundos para as femininas. O exercicio será cualificado de apto ou non apto.
5ª proba: Carreira de 1.000m nun tempo máximo de 3 minutos e 30 ss para os aspirantes masculinos e 4 minutos para as femininas. O exercicio será cualificado de apto ou non apto.
6ª proba: Levantamento dun peso de 40 quilogramos os aspirantes masculinos e 25 quilogramos as aspirantes femininas, en posición de pé dende o chan ata estender os brazos por riba da cabeza, 5 veces como mínimo durante un minuto. O exercicio será cualificado de apto ou non apto.
7ª proba: Gabear unha corda de 7metros de alto. Cualificarase de apto ou non apto. A medición farase directamente e á vista, apoiándose nas marcas previamente colocadas na corda.
Normas comúns ás probas físicas.
A orde establecida na presente base non comporta necesariamente que os exercicios teñan que executarse seguíndoa.
Para a realización das probas, os aspirantes disporán de dous intentos, agás nas dúas carreiras.
Os opositores deberán realizar todas as probas e obter a puntuación de apto en todas elas. A non superación de calquera delas suporá a cualificación global de non apto e a eliminación do proceso selectivo.
Para a realización das probas físicas os/as aspirantes deberán vir provistos/as de roupa e calzado deportivo adecuado.
Terceira.- De carácter obrigatorio e eliminatorio.
Consistirá nun recoñecemento médico no que se valorará se nos aspirantes concorre algunha das causas de exclusión que figuran no anexo III destas bases. O profesional ou profesionais da menciña (médicos) encargados de efectuar estas probas serán escollidos polo tribunal. Cualificarase esta proba, logo do informe do profesional elixido, como apto/a ou non apto/a. Para a realización desta proba aplicaranse aos aspirantes as técnicas médicas de uso convencional que se xulguen oportunas, incluída a analítica de sangue e urina.
Cuarta: De carácter obrigatorio e eliminatorio.
Consistirá en desenvolver por escrito catro temas de entre os comprendidos no programa que figura como anexo II destas bases, dous correspondentes á parte xeral e outros dous á específica, nun tempo máximo de tres horas.
Esta proba cualificarase de 0 a 20 puntos, sendo preciso acadar un mínimo de 10 puntos en cada tema para superala. Corresponde ao tribunal determinar o nivel de coñecementos mínimos para acadar a puntuación mínima.
Quinta: De carácter obrigatorio e eliminatorio.
Consistirá na resolución de dous supostos teórico-prácticos sobre o traballo de policía do posto ao que se opta, nun tempo máximo de dúas horas, relacionados co programa que figura como anexo II destas bases pero sen aterse a unha epígrafe concreta deste. A cualificación de cada suposto será de 0 a 10 puntos sendo preciso acadar un mínimo de 5 puntos en cada suposto para superar esta proba. Corresponde ao tribunal determinar o nivel de coñecementos mínimos para acadar a puntuación mínima (5 puntos).
Sexta: Proba de galego . De carácter obrigatorio e non eliminatorio.
Consistirá na tradución directa e/ou inversa dun texto facilitado polo tribunal, sen axuda de dicionario, nun tempo máximo de trinta minutos. Neste valorarase a corrección na escrita da lingua galega.
Esta proba cualificarase de 0 a 5 puntos.
A puntuación final e a orde de cualificación dos aspirantes aprobados virá dada pola suma das puntuacións obtidas en cada proba. No caso de empate resolverase con outro exercicio proposto polo tribunal e sobre as materias relacionadas coas funcións da praza.
10.-Curso de formación
Logo de superar as probas, os aspirantes propostos polo tribunal serán nomeados funcionarios en prácticas, tras presentar a documentación esixida nas bases, de acordo co disposto nas bases xerais na súa base duodécima.
Tras o nomeamento como funcionario en prácticas realizarase o curso obrigatorio de formación teórico- práctico no Academia Galega de Seguridade Pública de Galicia, nas condicións que regulamentariamente se determinen.
Durante o período de permanencia no curso de formación, os aspirantes percibirán, con cargo ao orzamento da corporación, as retribucións que a normativa vixente establece para os funcionarios en prácticas.
11.-Nomeamento e toma de posesión.
Os aspirantes que non superen o curso selectivo perderán o dereito a ser nomeados funcionarios de carreira o que será acordado, mediante resolución motivada da autoridade que efectuara a convocatoria, a proposta do órgano responsable da avaliación do curso selectivo.
Concluído o curso selectivo, os aspirantes que o tiveran superado serán nomeados funcionarios de carreira polo alcalde-presidente do Concello, e deberán tomar posesión de acordo coas bases xerais que rexen esta convocatoria.
12.- Norma final.
Contra a Resolución da Alcaldía que aprobe as presentes bases, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os Xulgados do Contencioso Administrativo, no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia, segundo o artigo 46.1 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Asemade, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante o alcalde-presidente, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da devandita publicación (artigos 116, 117 e 48 da Lei 30/92, de 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común). No caso de interpoñerse recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo (artigo 116 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común).
No non previsto nestas bases rexerán como supletorias a Lei 7/1985 de 2 de abril reguladora das bases do réxime local, RD Lexislativo 781/1986 do 18 de abril, RD 364/1989, Lei 2/1986 do 13 de marzo de forzas e corpos de seguridade, e a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de Policías Locais de Galicia.
Anexo I
Modelo de instancia
D/Dª................DNI nº................. con enderezo en .................., teléfono.............., correo electrónico......................, nacionalidade...................idade............ coñecedor da convocatoria publicada con data............... no BOE nº.........para a provisión en propiedade dunha praza de policía local do Concello de Oroso, incluída na oferta de emprego público 2006, manifesta:
1º) Que reúno todos os requisitos esixidos na base cuarta das bases específicas da convocatoria.
2º) Que coñezo e acepto incondicionalmente o contido das bases xerais e específicas da convocatoria.
3º) Que comprométome no caso de obter a praza a prestar a promesa ou xuramento establecido no RD 701/1979 do 5 de abril,
Por iso solicito participar no correspondente proceso selectivo.
Achégase a seguinte documentación:
- Xustificante de haber satisfeito os dereitos de exame
- Declaración xurada á que se refire a base cuarta letra g) e certificado médico ao que se refírese a base cuarta letra h).
Oroso .......de............de 2008.
Asinado...........................
PROGRAMA ANEXO II
Parte xeral.
Tema 1 A Constitución Española de mil novecentos setenta e oito. Estrutura e principios xerais. Dereitos e deberes fundamentais dos españois. A súa garantía e suspensión. O Tribunal Constitucional. A reforma da Constitución.
Tema 2 A Organización do Estado na Constitución: organización institucional ou política e organización territorial. Os Estatutos de Autonomía. O Estatuto de Autonomía de Galicia.
Tema 3 O administrado: Concepto, capacidade, representación e dereitos. As fases do procedemento administrativo na Lei 30/92: iniciación, ordenación, instrución e terminación. A obrigación de resolver e o réxime do silencio administrativo.
Tema 4 O acto administrativo: concepto, clases e elementos. Motivación e forma. A notificación: contido, prazo e práctica. A notificación defectuosa. A publicación. A aprobación por outra administración. A demora e retroactividade da eficacia.
Tema 5 Eficacia dos actos administrativos. Executividade e execución forzosa. Suspensión. Validez e invalidez do acto administrativo. Supostos de nulidade de pleno dereito e anulabilidade. Validación, conservación e conversión.
Tema 6 Revisión dos actos administrativos. Revisión de oficio. Os recursos administrativos: principios xerais. O recurso de alzada. O recurso potestativo de reposición. O recurso extraordinario de revisión. As reclamacións administrativas previas ao exercicio de accións civís e laborais. Procedementos substitutivos dos recursos administrativos: conciliación, mediación e arbitraxe.
Tema 7 A coacción administrativa: o principio de autotutela executiva. A execución forzosa dos actos administrativos: os seus medios e principios de utilización. A coacción administrativa directa. A vía de feito.
Tema 8 A potestade sancionadora: concepto e significado. Principios do exercicio da potestade sancionadora. O procedemento sancionador e as súas garantías. Medidas sancionadoras administrativas. Especial referencia á potestade sancionadora local.
Tema 9 A responsabilidade patrimonial da administración pública. Os orzamentos da responsabilidade. Danos resarcibles. A acción e o procedemento administrativo en materia de responsabilidade. A responsabilidade patrimonial das autoridades e persoal ao servizo das administracións públicas.
Tema 10 As fontes do Dereito Local. A administración local na Constitución. O principio de Autonomía Local: significado, contido e límites. Regulación básica do Estado e normativa das Comunidades Autónomas en materia de Réxime Local.
Tema 11 A potestade regulamentaria das entidades locais: Regulamentos e Ordenanzas. Procedemento de elaboración. O Regulamento orgánico. Os bandos.
Tema 12 O Municipio: Concepto e elementos. A organización municipal. Órganos necesarios e competencias: O alcalde, tenentes de alcalde, o Pleno, e a Xunta de Goberno Local.
Tema 13 Órganos complementarios: Comisiones Informativas e outros órganos. Os grupos políticos. A participación veciñal na xestión municipal.
Tema 14. O patrimonio das entidades locais. Bens de dominio público e bens patrimoniais: concepto, natureza e elementos.
Tema 15 Prerrogativas e potestades das entidades locais en relación cos seus bens. Os bens comunais. O inventario.
Tema 16 O persoal ao servizo das corporacións locais: Clases e réxime xurídico. Réxime xurídico do persoal funcionario das entidades locais: dereitos, deberes, réxime disciplinario.
Tema 17. Situacións administrativas. Dereitos económicos e seguridade social. Réxime de incompatibilidades.
Tema 18 As Facendas Locais: réxime xurídico. Clasificación dos ingresos. Os impostos locais: clases e réxime xurídico. Taxas e contribucións especiais. Os prezos públicos. As ordenanzas fiscais.
Parte Especial
Tema 1 A Lei orgánica 2/86 do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade.
Tema 2 Lei 1/1992, de protección da seguridade cidadá. Funcións da Policía Local.
Tema 3 A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de Policías Locais de Galicia e disposicións de desenvolvemento.
Tema 4 A actividade da Policía Local como policía administrativa I. Consumo. Abastos. Mercados. Venda ambulante. Espectáculos e establecementos públicos.
Tema 5 A actividade da Policía Local como policía administrativa II. Urbanismo. Infraccións e sancións na Lei do solo de Galicia.
Tema 6 A actividade da Policía Local como policía administrativa III. A protección ambiental: prevención e calidade ambiental, residuos e disciplina ambiental.
Tema 7 Delitos e faltas. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal. Persoas responsables: autores, cómplices e encubridores. Graos de perfección do delito.
Tema 8 Delitos cometidos con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas garantidos pola Constitución.
Tema 9 Delitos cometidos polos funcionarios públicos contra as garantías constitucionais.
Tema 10 Delitos contra a administración pública. Atentados contra a autoridade e os seus axentes. Desordes públicas.
Tema 11 Homicidio e as súas formas. Faltas contra as persoas.
Tema 12. Delitos e faltas contra o patrimonio e a orde socioeconómica.
Tema 13 Delitos contra a seguridade do tráfico. Faltas cometidas con ocasión da circulación de vehículos a motor. Lesións e danos imprudentes. Carencia do seguro obrigatorio.
Tema 14 O atestado policial na Lei de axuizamento criminal. Concepto e estrutura.
Tema 15 Detención: concepto, clases e supostos. Prazos de detención. Obrigas do funcionario que efectúa unha detención. Contido da asistencia letrada. Dereito do detido. Responsabilidades penais nas que pode incorrer o funcionario que efectúa unha detención. O procedemento de “Habeas Corpus”.
Tema 16 Lei de Seguridade Viaria. Regulamentos de desenvolvemento. Estruturas e conceptos xerais.
Tema 17 Normas xerais de circulación: velocidade, sentido, cambios de dirección. Adiantamentos. Obstáculos. Parada e estacionamento. Transporte de materias que requiren precaucións especiais.
Tema 18 Circulación de peóns. Circulación urbana. Condutores. Marcha atrás. Traballos eventuais. Instalacións na vía pública. Circulación de bicicletas e ciclomotores. Sinais de circulación. Clasificación e orde de preeminencia.
Tema 19 Procedemento sancionador por infraccións á Normativa de Circulación. Actuacións complementarias. Inmobilización e retirada de vehículos da vía pública.
Tema 20 Accidentes de circulación: definición, tipos e actuacións da Policía Local. Alcoholemia. Datos. A súa consideración segundo a normativa vixente. Procedemento de pescuda do grao de impregnación alcohólica.
Tema 21 Ordenanzas municipais do Concello de Oroso.
Tema 22 O termo municipal do Concello de Oroso.
ANEXO III
CADRO DE EXCLUSIÓNS MEDICAS
1.- Talle.
Estatura mínima: 1’70 metros os homes e 1’65 metros as mulleres.
2.- Obesidade - Delgadeza.
Obesidade ou delgadeza manifestas que dificulten ou incapaciten para o exercicio das funcións propias do cargo.
Índice de Masa Corporal (IMC) non inferior a 18’5 nin superior a 29’9, considerando o IMC como a relación resultante de dividir o peso da persoa expresado en quilos polo cadrado do talle expresado en metros.
Nos aspirantes que posúan un IMC comprendido entre 25 e 29,9, ambos inclusive, realizarase unha medición do perímetro abdominal á altura do embigo. Este perímetro non será superior en ningún caso a 102 centímetros nos homes ou a 88 centímetros nas mulleres.
3.- Ollo e visión.
3.1.- Agudeza visual sen corrección inferior aos dous terzos da visión normal en cada un dos ollos.
3.2.- Desprendemento de retina.
3.3.- Patoloxía retiniana dexenerativa.
3.4.- Hemianopsias e alteracións campimétricas.
3.5.- Discromatopsias.
3.6.- Calquera outro proceso patolóxico que, a xuízo dos facultativos médicos, dificulte de maneira importante a agudeza visual.
4. - Oído e audición.
4.1. Agudeza auditiva que supoña unha perdida entre 1.000 e 3.000 hertzs a 35 decibelios ou de 4.000 hertzs a 45 decibelios. Así mesmo non poderá existir unha perdida auditiva nas frecuencias conversacionais igual ou superior a 30 decibelios.
4.2. Calquera outro proceso patolóxico que, a xuízo dos facultativos médicos, dificulte de maneira importante a agudeza auditiva.
5.- Aparato dixestivo.
5.1.- Cirroses hepática.
5.2. Hernias abdominais ou inguinais.
5.3. Pacientes gastrectomizados, colostomizados ou con secuelas poscirúrxicas que produzan trastornos funcionais.
5.4. Enfermidade inflamatoria intestinal (enfermidade de Crhon ou colite ulcerosa).
5.5. Calquera outro proceso dixestivo que a xuízo dos facultativos médicos dificulte o desempeño do posto de traballo.
6.- Aparato cardio-vascular.
6.1. Hipertensión arterial, non debendo exceder en repouso os 140 mm/Hg de presión sistólica, e os 90 mm/Hg de presión diastólica.
6.2. Insuficiencia venosa periférica.
6.3. Calquera outra patoloxía ou lesión cardiovascular que, a xuízo dos facultativos médicos, poidan limitar o desempeño do posto de traballo.
7.- Aparato respiratorio.
7.1. Asma bronquial.
7.2. Enfermidade pulmonar obstrutiva crónica.
7.3. Pneumotórax espontáneo recidivante.
7.4. Outros procesos do aparato respiratorio que, a xuízo dos facultativos médicos, dificulten o desenvolvemento da función policial.
8.- Aparato locomotor.
Alteracións do aparato locomotor que limiten ou dificulten o desenvolvemento da función policial, ou que poidan agravarse, a xuízo dos facultativos médicos, co desempeño do posto de traballo: patoloxía ósea de extremidades, retraccións ou limitacións funcionais de causa muscular ou articular, defectos de columna vertebral e outros procesos óseos, musculares e articulares.
9.- Pel.
9.1. Cicatrices que produzan limitación funcional.
9.2. Outros procesos patolóxicos que, a xuízo dos facultativos médicos, dificulten ou limiten o desenvolvemento da función policial.
10.- Sistema nervioso.
10.1. Epilepsia.
10.2. Xaqueca.
10.3. Outros procesos patolóxicos que, a xuízo dos facultativos médicos, dificulten o desenvolvemento da función policial.
11.- Trastornos psiquiátricos.
11.1. Depresión.
11.2. Trastornos da personalidade.
11.3. Psicoses.
11.4. Alcoholismo, drogodependencias a psicofármacos ou a substancias ilegais.
11.5. Outros procesos patolóxicos que, a xuízo dos facultativos médicos, dificulten o desenvolvemento da función policial.
12. Aparato endócrino.
12.1. Diabetes.
12.2. Outros procesos patolóxicos que, a xuízo dos facultativos médicos, dificulten ou limiten o desenvolvemento da función policial.
13. Sistema inmunitarios e enfermidades infecciosas.
13.1. Enfermidades transmisibles en actividade.
13.2. Enfermidades inmunolóxicas sistémicas.
13.3. Outros procesos patolóxicos que, a xuízo dos facultativos médicos, dificulten ou limiten o desenvolvemento da función policial.
14. Patoloxías diversas.
Calquera enfermidade, síndrome ou proceso patolóxico que, a xuízo dos facultativos médicos, limite ou incapacite ao aspirante para o exercicio da función policial.
Para os diagnósticos establecidos neste anexo teranse en conta os criterios das Sociedades Médicas das especialidades correspondentes.
Todas estas exclusións garantiranse coas probas complementarias necesarias para o diagnóstico.
ANEXO IV.
Perfil psicolóxico para o exame psicotécnico.
Tendo en conta as funcións que para o corpo da Policía Local se contemplan no artigo 53 da Lei Orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade do Estado, os test irán dirixidos a excluír aos/as aspirantes con anomalías respecto ao perfil psicolóxico, así como seleccionar aos/as aspirantes que presenten un perfil máis axeitado respecto ao perfil mencionado.
As anomalías a ter en conta son as seguintes:
1. Trastorno antisocial. Refírese á conduta irresponsable e antisocial relacionada con comportamentos irritables agresivos e alleos ás normas sociais.
2. Trastorno por dependencia. Consiste nunha conduta dependente e submisa, incapacidade para tomar decisión sen unha excesiva cantidade de consellos e recomendacións.
3. Trastorno depresivo. Refírese a comportamentos caracterizados por falta de enerxía ou fatiga, desánimo, baixa autoestima, falta de concentración ou sentimentos de desesperanza.
4. Trastorno esquizoide. Refírese ao comportamento de indiferenza ás relacións sociais e unha restrición na experiencia e na expresión emocional.
5. Trastorno esquizotípico. Refírese a unha conduta baseada en ideas, aparencias e comportamentos peculiares e de déficit nas relacións interpersoais.
6. Trastorno por evitación. Consiste nunha conduta de malestar no contexto social e medo esaxerado á avaliación negativa.
7. Trastorno histriónico. Consiste nun comportamento baseado na esaxeración da emocionalidade así como na busca de atención.
8. Trastorno límite. Refírese a un comportamento caracterizado pola inestabilidade respecto á vivencia da propia imaxe, das relacións interpersoais e do estado de ánimo.
9. Trastorno da personalidade masoquista.- Refírese ás condutas autodestrutivas e aquelas caracterizadas polo pouco interese do individuo nas experiencias pracenteiras e a tendencia as situacións ou relacións que lle acarean sufrimento ou malestar.
10.- Trastorno narcisista. Refírese a conduta caracterizada pola grandiosidade en fantasía, a hipersensibilidade á valoración que recibe, a falta de empatía cara os demais.
11. Trastorno de personalidade negativista.- Fai referencia a conduta esaxeradamente pesimista, pretendendo ver e xulgar as cousas polo lado máis desfavorable.
12.- Trastorno obsesivo-compulsivo. Refírese a un comportamento caracterizado polo perfeccionismo, rixidez nos hábitos e inflexibilidade nas tarefas.
13.- Trastorno paranoide. Consiste na tendencia xeneralizada e inxustificada a interpretar as accións dos demais como deliberadamente agresivas ou ameazantes.
14.- Trastorno da personalidade sádica. Consiste nunha conduta cruel, desconsiderada e agresiva, dirixida cara aos demais.
Asemade, valorarase positivamente no test e cuestionarios os factores determinantes da habilidade e personalidade que deban estar presentes no perfil ideal dos aspirantes o ingreso neste corpo, e que se traducen en:
1.Habilidade de razoamento lóxico e simbólico. E unha habilidade mental que fai referencia a capacidade de abstracción do individuo e, dende unha serie de premisas, deducir unha conclusión axeitada. Isto capacita ao individuo para tomar decisións e para solucionar problemas ante unha situación crítica.
2. Estabilidade emocional. E unha característica de personalidade que fai referencia a tendencia xeral a experimentar efectos negativos tales como medo, tristeza, enfado, culpa ou desgusto. Refírese asemade á facilidade ou dificultade para controlar as emocións e superar as situacións.
3. Extraversión. Esta característica fai referencia ao grao de sociabilidade, asertividade, optimismo e enerxía, sentido grupal, sentido do humor e liderado.
4. Amigabilidade. Esta é unha dimensión de personalidade que consiste nas tendencias interpersoais. Fai referencia ao altruísmo, axuda aos demais, cooperación, amizade, honestidade e sinceridade, sinxeleza, tolerancia e confianza.
5. Conciencia-responsabilidade. Esta dimensión refírese ao control dos impulsos, no senso de planificar, organizar e levar a cabo as tarefas. Asemade fai tamén referencia ao desexo de logro, esforzo laboral, orde, coidado, minuciosidade, prudencia, alto rendemento e rigor nas normas de comportamento.
A data de publicación no Boletín Oficial do Estado dun extracto da Convocatoria, servirá como data para o computo do prazo para a presentación de instancias.
Oroso, 21 de maio de 2008
O Alcalde-Presidente,
Asdo.: Manuel Mirás Franqueira.
Diario Oficial de Galicia
mércores, 16 de xullo de 2008
VI. ANUNCIOS
Número do Dog: 137
Páxina do Dog: 13.759
Data da Disposición: 23 de xuño de 2008
Sección: VI. ANUNCIOS. DA ADMINISTRACIÓN LOCAL
Organismo: CONCELLO DE OROSO
Rango: Resolución
Título: Resolución do 23 de xuño de 2008 referente á convocatoria para prover unha praza.
Resolución do 23 de xuño de 2008 referente á convocatoria para prover unha praza.
No BOP da Coruña, números 133 e 140 dos días 11 e 19 de xuño de 2008, inseríronse anuncios que conteñen a convocatoria e as bases que a van rexer.
Persoal: funcionario.
Grupo: C1.
Clasificación: escala de Administración especial, subescala: servizos especiais.
Número de vacantes: unha (1).
Denominación: policía local, encadrada na escala básica de policía local, categoría de policía.
Forma de provisión: oposición libre.
O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais que contarán desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no BOE.
Os sucesivos anuncios referentes a esta convocatoria só se publicarán no BOP da Coruña e no taboleiro de edictos da Casa do Concello.
Oroso, 23 de xuño de 2008.
Manuel Mirás Franqueira
Alcalde-presidente