|
Por Resolución del 9 de noviembre de 2009, del tribunal designado para juzgar el proceso selectivo de consolidación de empleo para el ingreso en el cuerpo Auxiliar de la Xunta de Galicia, Subgrupo C2:
Se ha acordado la exlusión de 5 opositores por considerar que conocían el contenido del primer ejercicio antes de su realización. DOG ++
Ya han salido publicadas las listas de admitidos y excluidos.
Si quieres consultar la lista del grupo Auxiliar Administrativo (C2), pulsa el link: ++ Más
La fecha prevista para la realización de los exámenes estará comprendida entre el 25/03/09 y el 31/05/09 (D.O.G. 05/12/08)
Abierto plazo presentación de instancias hasta el 28 de Julio de 2008
Cubre la solicitud
Diario Oficial de Galicia
luns, 7 de xullo de 2008
IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOSNúmero do Dog: 130
Páxina do Dog: 13.241
Data da Disposición: 4 de xullo de 2008
Sección: IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS
Organismo: CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango: Orde
Título: Orde do 4 de xullo de 2008 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Xunta de Galicia, subgrupo C2.
Orde do 4 de xullo de 2008 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Xunta de Galicia, subgrupo C2.
De conformidade co establecido no Decreto 88/2008, do 30 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia,
DISPÓN: Convocar proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Xunta de Galicia, subgrupo C2, con suxeición ás seguintes:
Bases da convocatoria: I. Normas xerais. I.1. O obxecto do proceso selectivo será a cobertura de trinta (30) prazas do corpo auxiliar da Xunta de Galicia, subgrupo C2, polo sistema de acceso libre, polo procedemento de oposición.
O subgrupo C2, de conformidade coa disposición transitoria terceira da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, é equivalente ao anterior grupo D.
I.1.1. De conformidade coa disposición adicional sétima do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e co Decreto 88/2008, do 30 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, do total de prazas do sistema de acceso libre reservaranse dúas (2) para seren cubertas por persoas con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%.
No suposto de que as prazas cubertas por persoas con discapacidade acaden a taxa do 3% das prazas convocadas, as prazas non cubertas pasarán a integrarse ás restantes prazas de acceso xeral.
No suposto de que as prazas cubertas non acadasen a taxa do 3% das prazas convocadas, as prazas non cubertas acumularanse á cota do 7% da oferta seguinte, cun límite máximo do 12%.
Así mesmo, no suposto de que algún aspirante con minusvalidez que se presentase pola cota de reserva de discapacitados superase os exercicios correspondentes, pero non obtivese praza, e a súa puntuación for superior á obtida por outros aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.
I.1.2. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, a Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.
I.2. Requisitos dos candidatos. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionario os seguintes requisitos:
I.2.1. Nacionalidade: a) Ter nacionalidade española. b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.
c) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, e o dos nacionais dalgún Estado ao que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.
I.2.2. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.
I.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoira.
No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación.
I.2.4. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.
I.2.5. Habilitación: non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.
No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido ásanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.
I.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, os aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacitados terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%.
I.3. Solicitudes. Os que desexen tomar parte no proceso selectivo deberán facelo constar mediante unha solicitude e aboar os dereitos de exame de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
En relación aos dereitos de exame, a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia exixe como requisito necesario para participar no proceso selectivo o aboamento en tal concepto do importe da taxa que estea vixente no momento de presentación da solicitude.
1) Formalización da solicitude: O modelo de solicitude estará á disposición de todos/as os que desexen participar no proceso na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), premendo o icono «empregarse procesos de ingreso», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) ou DNI electrónico.
Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, os/as solicitantes deberán cubrir todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.
Os aspirantes cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%, a que se refire a base I.2.6, deberán indicalo expresamente na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecido polo órgano competente, e poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Decreto 88/2008, do 30 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.
2) Formalización do pagamento das taxas: Unha vez confirmada a alta da solicitude, o/a solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:
*Exento de pagamento: de acordo co sinalado no artigo 23.5º da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento as persoas con minusvalidez igual ou superior ao 33%, e as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial (no caso de membros de categoría xeral terán unha bonificación do 50%).
Unha vez elixida esta opción, o/a solicitante poderá imprimir desde ese intre a solicitude cuberta e deberá presentar antes do remate do prazo fixado orixinal ou copia debidamente cotexada do documento que xustifique a exención do pagamento nas oficinas do rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Neste suposto, considerarase como data válida de presentación a da confirmación da solicitude realizada, de acordo co disposto anteriormente, condicionada en todo caso á presentación dentro do mesmo prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.
*Non exento de pagamento: o/a solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:
Sen certificado dixital: -Imprimindo o documento de pagamento, seleccionando esta opción na pantalla, e realizando o ingreso do importe da taxa que figura nela en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.
-Introducindo os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento telemático, obtendo nese intre o xustificante correspondente.
Con certificado dixital: Poderá realizar o pagamento con cargo á conta do titular do certificado desde a opción de pagamento telemático, obtendo nese intre o xustificante correspondente.
En ambos os casos, considerarase como data válida de presentación da solicitude a da realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, só aos/ás solicitantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución definitiva da Dirección Xeral da Función Pública á que fai referencia o punto terceiro da base I.4.2.
O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento polos/as solicitantes seguindo as instrucións iniciais (páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es, icona «empregarse procesos de ingreso») seleccionando a opción de consulta na pantalla.
Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, os/as solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co Centro Informatico Cixtec no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas de luns a venres e os sábados de 10.00 ás 14.00.
I.4. Admisión de aspirantes. I.4.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, o titular da Dirección Xeral da Función Pública ditará resolución de conformidade co establecido no artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, así como oportunamente nos lugares determinados pola normativa vixente e na que se declarará aprobada a lista provisoria de admitidos e excluídos, así como as causas da súa exclusión e a indicación do lugar en que se atopan expostas as listas de admitidos e excluídos. Na lista deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número de documento nacional de identidade.
I.4.2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.
Para tal efecto, a estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva de admitidos e excluídos.
Unha vez transcorrido este prazo, a Dirección Xeral da Función Pública ditará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1º do mesmo texto legal.
O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza aos interesados a posesión dos requisitos exixidos no procedemento que se convoca. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os interesados decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación no procedemento.
II. Proceso selectivo. II.1. Fase de oposición. O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta convocatoria.
II.1.1. Exercicios. II.1.1.1. Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio, consistirá en contestar por escrito un cuestionario de oitenta (80) preguntas tipo test correspondentes ao contido do programa que figura como anexo I desta convocatoria, máis tres preguntas (3) de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha delas será a correcta. En todo caso, o número de preguntas gardará a debida proporción co número de normas e temas relacionados no devandito anexo.
O tempo máximo de duración será de cen (100) minutos. Cada opositor poderá obter copia do exercicio realizado ao seu remate. No prazo das vinte e catro horas seguintes ao da realización, farase público no lugar de realización do exercicio o modelo do test, indicando as respostas correctas. Esta información estará dispoñible na páxina web da Xunta de Galicia.
De conformidade co disposto no artigo 35 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública, este exercicio deberá realizarse exclusivamente en lingua galega.
Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos, sendo necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos, correspondéndolle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar a puntuación mínima. Para iso terase en conta que por cada tres respostas incorrectas se descontará unha correcta.
As puntuacións publicaranse, en todo caso, no lugar onde se realizou o exercicio, no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, dándose un prazo de dez días para efectos de alegacións.
Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta días desde a constitución do tribunal que xulgue as probas. A data de realización deste exercicio non será anterior ao 1 de novembro de 2008.
II.1.1.2. Segundo exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá na realización dunha proba práctica con vinte (20) preguntas tipo test con respostas alternativas, en que os aspirantes poñan de manifesto o coñecemento e manexo de paquetes ofimáticos en contorno MS Office XP (folla de cálculo, procesador de textos) no tempo máximo de 40 minutos.
O tribunal, por cuestións de índole organizativa, poderá propoñer exercicios distintos de similares características nos correspondentes chamamentos parciais, que se poderán realizar, de ser o caso, en diferentes días.
Cada opositor poderá obter copia do exercicio realizado ao seu remate. No prazo das vinte e catro horas seguintes ao da realización, farase público no lugar de realización do exercicio o modelo do test, indicando as respostas correctas. Esta información estará dispoñible na páxina web da Xunta de Galicia.
Este exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos, sendo necesario para superalo obter un mínimo de 5 puntos, correspondéndolle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar a puntuación mínima. Para iso terase en conta que, por cada tres respostas incorrectas se descontará unha correcta.
As puntuacións publicaranse, en todo caso, no lugar onde se realizou o exercicio, no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, dándose un prazo de dez días para efectos de alegacións.
Este exercicio celebrarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do anterior exercicio e máximo de 40 días.
Unha vez publicadas as puntuacións deste exercicio, abrirase un prazo de dez días hábiles para que os aspirantes que superen este exercicio, presenten o documento xustificativo (orixinal ou fotocopia debidamente compulsada) de estar en posesión do Celga 3, título do curso de iniciación de galego, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no terceiro exercicio. Esta documentación presentarase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
II.1.1.3. Terceiro exercicio, de carácter eliminatorio: Constará de dúas probas: Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.
Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.
O tempo máximo para a realización do exercicio será dunha hora. Este exercicio valorarase como apto ou non apto, sendo necesario para superalo obter o resultado de apto, correspondéndolle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar o resultado de apto.
As puntuacións publicaranse, en todo caso, no lugar onde se realizou o exercicio, no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, dándose un prazo de dez días para efectos de alegacións.
Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de 40 días.
Estarán exentos da realización do terceiro exercicio os aspirantes que acrediten posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes o curso de iniciación ao galego ou estudos equivalentes.
II.1.2. Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.
II.1.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos opositores, membros do tribunal e os colaboradores designados por este.
II.1.4. Desenvolvemento dos exercicios: II.1.4.1. A orde de actuación dos/as opositores/as iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra «V», de conformidade co establecido na resolución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 28 de xaneiro de 2008, pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na resolución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 17 do xaneiro de 2008 (DOG nº 16, do 23 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente ao ano 2008.
II.1.4.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal correspondente coa finalidade de acreditar a súa personalidade.
II.1.4.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluído da oposición quen non compareza.
Non obstante o anterior, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse como mínimo 48 horas logo do anuncio da data do exame. E levará consigo o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.
O tribunal decidirá en cada caso, con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas as medidas conxuntamente. Non se admitirá recurso a respecto das decisións do tribunal neste punto, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
II.1.4.4. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), con corenta e oito horas, polo menos, de anticipación á sinalada para a súa iniciación.
II.1.4.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, comunicaralle isto á Dirección Xeral da Función Pública, para os efectos de que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.
No caso de que o/a opositor/a non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública ditará proposta da súa exclusión do proceso selectivo, e o órgano competente ditará a resolución correspondente. Contra a resolución deste órgano poderán interpoñerse os recursos administrativos ou reclamacións que procedan.
II.1.4.6. Se o tribunal, de oficio, ou en base ás reclamacións que os interesados poidan presentar nos tres días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio, anunciarao publicamente no Diario Oficial de Galicia.
Contra tal acordo poderá interpoñerse recurso de alzada conforme o previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
II.2. A orde de prelación dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma das puntuacións obtidas nos exercicios da fase de oposición, non podendo superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.
Non obstante o anterior, sempre que o tribunal propuxera o nomeamento de igual número de aspirantes que de prazas convocadas, e co fin de asegurar a cobertura destas, cando se produzan renuncias dos aspirantes seleccionados, antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección relación complementaria dos aspirantes que sigan os propostos, para o seu posible nomeamento como funcionarios de carreira.
III. Tribunais. III.1. Os tribunais cualificadores do proceso serán designados por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 7 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta o previsto polo artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.
III.2. Ademais dos tribunais que se designen na orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, poderán nomearse máis tribunais para xulgar o proceso, por proposta do tribunal número 1, cando polo número de aspirantes isto fose necesario.
A autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomeen os novos tribunais, de ser o caso.
III.3. Os membros dos tribunais deberán absterse de intervir, notificándolle á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria e, igualmente, se colaborasen durante ese período dalgún modo con centros de preparación de opositores.
O presidente deberá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non atoparse incursos nas circunstancias previstas no citado artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común nin nas demais causas de abstención previstas nesta base. Esta declaración deberá ser tamén formalizada polos asesores especialistas previstos na base III.12 e polo persoal auxiliar que o tribunal incorpore aos seus traballos.
Así mesmo, os aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias previstas na presente base, conforme o artigo 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
III.4. A autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomeen os novos membros do tribunal, que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base III.3.
III.5. Logo da convocatoria do presidente do tribunal número 1, constituiranse os tribunais en sesión conxunta. Tal constitución entenderase válida coa presenza da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.
A celebración da sesión de constitución terá lugar no prazo máximo de quince días a partir da publicación dos tribunais.
Na dita sesión, os tribunais, baixo a dirección e coordinación do tribunal número 1, adoptarán todas as decisións que lles correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.
III.6. A partir da sesión de constitución, cada tribunal, para actuar validamente, requirirá a presenza da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.
III.7. O procedemento de actuación dos tribunais axustarase en todo momento ao disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
III.8. No caso de que se nomeen varios tribunais, a cada tribunal corresponderalle xulgar un número determinado de aspirantes, que estarán comprendidos entre as letras do abecedario correspondentes aos apelidos dos opositores que se lles asignasen.
III.9. Corresponderalle ao tribunal nomeado co número un: -Cursar por orde do seu presidente citación ao resto dos tribunais para constituírse nun acto conxunto.
-Dar publicidade, a través dos anuncios correspondentes, ao lugar, data e hora de realización dos exercicios.
-Recibir os expedientes dos demais tribunais relativos ao transcurso das probas e respectivas propostas, e elevar a relación de aprobados ao titular da Dirección Xeral da Función Pública.
III.10. Co obxecto de acadar a necesaria coordinación entre os tribunais cualificadores, todos actuarán conxuntamente baixo a dirección do número 1, que resolverá cantas consultas, interpretacións e criterios de valoración e de unificación se poidan presentar e solicitar en os restantes tribunais sobre as normas da convocatoria.
Os tribunais cualificadores actuarán coordinadamente procurando a maior uniformidade nos criterios valorativos dos exercicios, sen prexuízo de que funcionarán con autonomía no que se refire á selección dos aspirantes, formulando as súas propias propostas.
III.11. Por cada sesión do tribunal levantarase acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, se autorizará coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.
III.12. Cada tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que estime pertinente, limitándose os ditos asesores a prestaren a súa colaboración nas súas especialidades técnicas, e terán voz pero non voto. O nomeamento de tales asesores corresponderalle á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
III.13. Os tribunais cualificadores adoptarán as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás dos restantes participantes. Neste sentido estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3.1), as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.
Se na súa realización se lle suscitasen dúbidas ao tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios do corpo a que opta, poderá solicitar o correspondente ditame do órgano competente.
III.14. O presidente de cada tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.
Os tribunais excluirán aqueles candidatos en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade do opositor.
III.15. Os tribunais que actúen no proceso selectivo terán a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.
O número máximo de sesións de cada un dos tribunais será fixado por resolución da Dirección Xeral da Función Pública, podendo só ampliar o número delas, con base en causa xustificada, a dita dirección xeral.
III.16. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.
Non obstante o anterior, sempre que o tribunal propuxera o nomeamento de igual número de aspirantes que o de prazas convocadas, e co fin de asegurar a cobertura destas, cando se produzan renuncias dos aspirantes seleccionados, antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección relación complementaria dos aspirantes que sigan os propostos, para o seu posible nomeamento como funcionarios de carreira.
III.17. As comunicacións que formulen os aspirantes aos tribunais dirixiranse á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Dirección Xeral da Función Pública (edificio administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).
IV. Lista de aprobados, presentación de documentación e nomeamento de funcionarios.
IV.1. A cualificación da oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da fase de oposición.
No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, este resolverase acudindo á puntuación obtida no primeiro exercicio da fase de oposición e, se se mantén, acudindo á puntuación do segundo deles. De persistir o empate, este resolverase pola orde alfabética a que se refire a base II.1.4.1.
Cada tribunal resolverá os empates que se produzan relativos aos aspirantes que lles correspondan. No caso de que, unha vez elevadas as distintas propostas ao tribunal número 1, se produzan novos empates, estes serán resoltos por este tribunal, de acordo cos criterios expresados no parágrafo anterior.
IV.2. Rematado o proceso selectivo, o tribunal nº 1 publicará no Diario Oficial de Galicia a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo, por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade, e elevará a dita relación ao titular da Dirección Xeral da Función Pública para que elabore a proposta de nomeamento. Con carácter excepcional, poderase renunciar á participación no proceso selectivo ata a data en que o tribunal eleve ao titular da Dirección Xeral da Función Pública a relación de aprobados.
A partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de aprobados, os aspirantes disporán dun prazo de vinte días naturais para a presentación dos seguintes documentos:
A) Fotocopia compulsada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a obtención do título ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do correspondente título académico.
B) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.
No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.
C) Certificado médico oficial en que se acrediten os extremos sinalados na base I.2.4.
D) Os aspirantes con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33% que superen a oposición deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e, de ser o caso, da Administración correspondente.
Así mesmo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza requirirá, respecto das persoas que accedan por esta cota de reserva, documento acreditativo do órgano competente sobre a compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.
IV.3. Os que dentro do prazo fixado, salvo os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2., non poderán ser nomeados funcionarios e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.
IV.4. Rematado o proceso selectivo, e unha vez cumpridos os requisitos exixidos con anterioridade, os que o superasen serán nomeados funcionarios de carreira mediante orde do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que se publicará no Diario Oficial de Galicia na que se indicará o destino adxudicado de acordo coa puntuación obtida nos exercicios da oposición.
IV.5. A adxudicación das prazas aos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base II.2.
IV.6. A toma de posesión dos aspirantes aprobados será efectuada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia, de conformidade coas disposicións previstas no Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e demais normas concordantes.
Disposición derradeira Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o artigo 8.2º en conexión co artigo 10.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo.
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2008. José Luis Méndez Romeu Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ANEXO I Programa que rexerá as probas selectivas para o acceso ao corpo auxiliar da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo C2).
Lexislación: 1. Constitución española, do 27 de decembro de 1978. 2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia. 3. Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística: títulos I e II. 4. Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e a súa Presidencia. 5. Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: títulos I a X.
6. Lei 50/1997, do 27 de novembro, de organización, competencia e funcionamento do Goberno: títulos I a V.
7. Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado: título I.
8. Lei 30/2007, de 30 de outubro, de contratos do sector público: títulos preliminar e títulos I e II do libro I.
9. Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público: títulos I a VII.
10. Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia: títulos I a V.
11. IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia (capítulos I ao VIII).
12. Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia: títulos preliminar a IV.
13. Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes: títulos preliminar e II.
Temas específicos: 1. Atención ao público: acollida e información ao cidadán. Os servizos de información administrativa. Información xeral e particular ao cidadán. Iniciativas. Reclamacións. Queixas. Peticións.
2. A documentación administrativa. A súa natureza e a súa función. Descrición dos documentos administrativos máis habituais: instancia, certificado, anuncio, informe, resolución, comunicación e notificación. O rexistro de entrada e saída de documentos. Requisitos na presentación de documentos. O arquivo: clases.
3. Informática básica: conceptos fundamentais sobre o hardware e o software. Sistemas de almacenamento de datos. Sistemas operativos. Nocións básicas de seguranza informática.
4. Administración electrónica e servizos ao cidadán. Servizos telemáticos. O SXPA. Os rexistros administrativos da Xunta de Galicia.
ANEXO II D./Dna..., con domicilio en..., con DNI/pasaporte..., declara baixo xuramento ou promete, para efectos de ser nomeado funcionario do corpo auxiliar da Xunta de Galicia, subgrupo C2, que non se atopa inhabilitado ou en situación equivalente nin foi sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de …, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.
En (país e localidade)..., ... de... de 2008.
Diario Oficial de Galicia
luns, 14 de xullo de 2008
IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS
Número do Dog: 135
Páxina do Dog: 13.660
Data da Disposición:
Sección: IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS
Organismo: CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango: Corrección
Título: Corrección de erros.-Orde do 4 de xullo de 2008 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Xunta de Galicia, subgrupo C2.
Corrección de erros.-Orde do 4 de xullo de 2008 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Xunta de Galicia, subgrupo C2.
Advertido un erro na orde antes citada, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 130, do 7 de xullo, cómpre facer a seguinte corrección:
-Na base I.2.3, onde di: «Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.», debe dicir: «Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria (Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación), graduado en educación secundaria (Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo), graduado escolar ou técnico auxiliar (Lei 14/1970, do 4 do agosto, xeral de educación e financiamento da reforma educativa) ou bacharel elemental (plan 1957)».
-No anexo I, na parte de lexislación, onde di: «Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia», debe dicir: «Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia».
|